2 de junio de 2010

Máis aparcamentos e axilidade do tráfico, claves das propostas presentadas polo PP de Salceda ao proxecto de humanización










Os populares contan co apoio de veciños e comerciantes, que aplauden a iniciativa da zona verde e a entrada ao centro pola Avenida de Galicia, entre outras medidas

Salceda de Caselas, 1 de xuño de 2010.- O Partido Popular de Salceda de Caselas presentou esta mañá as súas dúas propostas alternativas ao proxecto de humanización realizado polo Goberno local, que afecta ás rúas centrais Avenida de Galicia, Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez.

Santiago Rodríguez Davila, presidente do PP local, remarcou que “sempre estivemos de acordo coa humanización da vila, pero dun xeito ordenado, no que convivan vehículos e peóns, evitando o caos circulatorio que é o que se producirá se se leva adiante este proxecto que impide cruzar o centro”. Neste sentido, Rodríguez Davila sinalou a mala actuación do Concello ao presentar as obras cando xa estaban contratadas “sen dar opción a que se presentasen outras propostas alternativas”.

As modificacións ao proxecto presentado polo Goberno local centránse, sobre todo, na posibilidade de acceder ao centro da vila pola Avenida de Galicia, no aumento do número de prazas de aparcadoiro e na creación dunha zona verde, para unha maior rotación no aparcamento de vehículos.



Creación dunha zona verde para unha maior rotación no aparcamento

Dende o Partido Popular preténdese crear unha zona de aparcamento regulado, a maiores da azul, que permitiría un estacionamento de 45 minutos, e non de 90 como na azul, “de maneira que se axilizaría aínda máis o tráfico”, sinalaba o presidente do PP local. Esta área, que contaría cunhas seis prazas de aparcamento, estaría ubicada na confluencia das rúas Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez Vidal. Ademais, “prevese que de funcionar con éxito se poida estender o sistema a outras zonas”.



Máis aparcamento e con prazas para discapacitados e motocicletas

Polo que respecta ás prazas de aparcamento, dende o PP desminten o dito polo alcalde “de que o proxecto só eliminaría cinco prazas, pois de seguir as directrices propostas suporía a supresión de entre 15 e 20 prazas”, asegura Rodríguez Davila. Pola contra, con calquera das alternativas populares gañaríanse incluso ata unha ducia de aparcamentos.

Precisamente, na zona destinada a carga e descarga, ao final da rúa Victoriano Pérez, gañaríanse prazas se se desprazase, como se contempla nas alternativas do PP, á parte dianteira da Praza do Concello, na confluencia das tres rúas, lugar onde tamén se propón ubicar os colectores de lixo soterrados. Neste sentido, o grupo municipal do Partido Popular formula que no caso de non ser actualmente viable se reserve o lugar para unha colocación futura.

A maiores, tamén se contempla a creación, nese mesmo punto aparcamentos para motocicletas e discapacitados, pois quedarían unhas beirarrúas de máis de 10 metros “que se poderían aproveitar, facéndoas útiles tanto para peóns como para conductores”.



Entrada ao centro pola Avenida de Galicia

O proxecto do Goberno local contempla a Avenida de Galicia en sentido saída do núcleo urbano. É aí onde radica un gran problema de tráfico “que se solucionaría poñendo o sentido de circulación de cara á Praza do Concello, evitando grandes rodeos innecesarios”, apuntaba Rodríguez Davila.



Propostas alternativas avaladas por veciños e comerciantes

O Partido Popular de Salceda de Caselas reuníuse con comerciantes e veciños para valorar as súas propostas, “vistas con bos ollos” tanto pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA) como pola Asociación de Veciños Caselas.

Hoxe mesmo o PP presentou as súas propostas por rexistro e socilitará unha reunión urxente co Goberno local para trasladar a importancia e o contido destas alternativas necesarias, e apoiadas por veciños e comerciantes, co fin de que se acometan.



fuente: http://ppsalceda.blogspot.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario