27 de octubre de 2008

Fotos Orquesta Sur




UN LUGAR CHAMADO ATAÚDE (Cabeza Quiles repasa a toponimia na primeira guía temática de Galaxia) SILVIA R. PONTEVEDRA 17/10/2008 (EL PAÍS)

A toponimia é unha ciencia incerta, abondosa en espellismos e lendas, que moitas veces, cando logra derrubar eses mitos, decepciona fondamente aos poboadores. Porque Pontecesures non vén do César, e Boimorto non é unha besta falecida, senon un lugar pedroso. Nin Castrofeito é un castro ben rematado; máis ben todo o contrario: un poboado fractum ou roto. Nin A Coruña foi fundada por unha tal dona Clunia. E tampouco Vilalba é tan branca como a pintan.

Todo isto cóntao o filólogo Fernando Cabeza Quiles (nado por casualidade en Ponferrada en 1953, pero fillo de galego e residente en Carballo) no terceiro volume que adica á toponimia. En 1992, publicou Os nomes de lugar, e en 2000, Os nomes da terra. Dende entón traballou no libro que viu a luz este ano, Toponimia de Galicia. E conta que, de seguro, publicará algún máis, pero que ningún será "tan grande" coma este, que inaugura a colección Guías AZ de Galaxia. Unha serie temática que, segundo a editorial, continuará o ano que ven con un libro sobre música.
Toponimia de Galicia é a máis ambiciosa obra de Cabeza Quiles pero non a súa palabra definitiva. Onte mesmo recoñecía que, de botar fóra agora o libro, decantaríase pola teoría de que A Coruña ven do substantivo celta clunia (lugar húmido, fonte, pradaría) do que tamén procede o francés Cluny. Sen embargo, na guía publicada defende moito máis a posibilidade de que o topónimo desta cidade proveña dunha raíz preindoeuropea (car ou cor) que significa pedra, e de feito as outras coruñas e coruñus do Estado son lugares rochosos como A Coruña.
Esta última etimoloxía antiquísima está na orixe do topónimo Cairo (parroquia de Lesende, Lousame), un nome de lugar tan curioso como o de Exipto (parroquia de Boiro), que vén da Virxe que alí se venera. Pero tamén hai galegos que viven nun lugar chamado Xogo de Bóla (Pantón), e outros que habitan no Salto do Ladrón (Rianxo) ou ben no Paso do Ladrón (Navia de Suarna). E temos, en Chantada, o lugar da Fonte de Sanabarrigas, que se estivese ben normativizado, o seu nome tería que ser o de Sandabarrigas (como A Cañiza tería que ser A Caniza; O Xen, Oxén; A Grela, Agrela ou O Grove, Ogrove).
Na parroquia de Picoña, en Salceda de Caselas, hai un lugar chamado Ataúde, e na freguesía de Rodís, en Cerceda, está a aldea de Sartego, onde un destes sepulcros pétreos serve para recoller a auga da fonte. E con ese significado de fonte, ou máis ben de surtidor, cano ou picho con forma de pene, segundo o autor, hai unha aldea en Friol que se chama A Picha. En Galicia hai un lugar chamado O Trece, outro que lle din O Vinte e varios vintecatros. Os topónimos numéricos non teñen misterio: lembran o día do mes no que tiña lugar a feira. Temos tamén Rabiño e Rabiños, Rabo da Besta, Rabo de Égoa ou Egua, Rabo de Gato, de Galo, de Golpe e de Lobo. Estes nomes tampouco teñen moito aquel: refírense á forma física do terreo, cabos ou saíntes como as colas destes animais.
Os vellos aínda contan que o porto de Malpica se chamaba Porto Piollo, un alcume co que tamén se coñecía a darsena da Mariña na Coruña. Podería vir do mar (pelagus), pero naqueles lugares as mulleres agardaban os mariñeiros fuchicando na cabeza dos cativos. Hai unha aldea en Cerponzóns (Pontevedra) que se chama Castrado e Queimado, pero o nome, aínda que o pareza, non vén dunha tortura terrible a un santo varón, senón dun terreo que se roza, castra ou desbrava e despois quéimase para cultivar. Hai, ademais, un Gruñido en Mañón; unha Fístula en Monterroso; un Mogollón en Oia; e moitos lugares chamados Marabillas, topónimos tan publicitarios coma o antigo nome de Noia, que hai mil anos era coñecida como Todo Bo ou Totum Bonum.
Pero o mellor do libro é descubrir que por etimoloxía Vilalba (Vilalpa) é parente dos Alpes e das Alpuxarras. Ou que Iria é curmá de Irak. Igual que o Tambre e o Támesis son ríos irmáns.

Satélites contra Estrellas - 1965